O vindeiro 27 de setembro o CiTIUS da Universidade de Santiago organiza a segunda edición da reunión bienal que celebran os grupos integrantes da rede TLIX (rede de Tecnoloxías LiDAR e de Información Xeoespacial). Ao longo do encontro, segundo informa o centro santiagués, mostraranse os últimos avances desenvolvidos no marco dos proxectos nos que colaboran os distintos grupos da rede. A xornada completarase coa conferencia convidada do profesor Bernhard Höfle (Universidade de Heidelberg), un dos investigadores máis referenciais a nivel mundial no devandito eido.
Segundo lembra o CiTIUS, a rede de Tecnoloxías LiDAR e Información Xeoespacial (TLIX) adícase entre outras cousas a promover a colaboración interdisciplinar de grupos de investigación de Galicia, expertos e demandantes das devanditas tecnoloxías, a través de diversas accións de I+D.
A temática que se aborda ao seu abeiro é a análise e a xestión territorial usando ferramentas baseadas na información ofrecida polos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), e en particular polos sistemas LiDAR (acrónimo do inglés Laser Imaging Detection and Ranging) así como a súa adecuación ás tecnoloxías de computación actuais.
Volvendo á xornada do 27, contará tamén coa presenza dos investigadores Francisco F. Rivera (presentando a rede e seus cometidos e obxectivos), David F. Arango (Análise das características dos datos LiDAR e a súa integración con outras fontes de datos), David Deibe (Desenvolvemento dun sistema para o procesamento e análise de datos masivos LiDAR), Fernando Silva (Posta en marcha e integración de estruturas de datos compactos en algoritmos de procesado de datos LiDAR), Rubén Laso (Optimización e paralelización de estruturas de datos LiDAR eficientes) ou Sandra Buján (Proportional per Cell: Novo método para reducir a densidade de puntos LiDAR).
Os nosos investigadores en información xeoespacial xúntanse en setembro no CiTIUS
Compartir Este Artigo

