O Concello de Boqueixón vén de iniciar a gravación dos plenos municipais, con motivo da sesión ordinaria deste 12 de setembro e co obxectivo de avanzar en transparencia, goberno dixital e actividade pública participativa. Segundo informou o Consistorio, a sesión de onte poderase ver a través da web municipal, www.boqueixon.com, xunto coa acta correspondente.
Para levar a cabo a gravación desta semana (e as vindeiras) o Concello dispón de dúas cámaras fixas, unha na parte dianteira e outra na traseira, e seis micrófonos que rexistran todas as sesións.
En palabras do alcalde, Manuel Fernández Munín, a iniciativa de achegar os plenos á cidadanía pola vía das novas ferramentas representa “un paso máis cara a transparencia da xestión municipal de Boqueixón”. Como dixemos, os arquivos de vídeo correspondentes ás sesións plenarias poderanse ver a través da web municipal, xunto coa acta correspondente. Máis en detalle, a primeira destas ligazóns estará operativa a principios da vindeira semana.
O Concello de Boqueixón comeza a achegar na Rede os plenos municipais
Compartir Este Artigo

