
Como sinalamos, Hai un Ourense para ti figurou finalmente entre as propostas elixidas por Red.es, o que significa que a provincia galega vai recibir unha inxección económica de tres millóns de euros (co-financiados aos 60 % polo Estado). A dita contía investirase na creación dunha plataforma integral de turismo intelixente que ofrecerá aos visitantes servizos tecnolóxicos como: un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
Estes e outros datos foron achegados onte polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polo director da Área de Transparencia da entidade provincial, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Segundo fixo saber Baltar, o proxecto incluído este ano no programa de incentivos de Red.es converterá Ourense nun “referente turístico” aproveitando o potencial dos recursos provinciais e das tecnoloxías máis vangardistas, engadindo que este recoñecemento “corrobora o traballo de innovación na xestión, realizado pola Deputación no proxecto Provincia Intelixente, colocando á nosa provincia como cumio da vangarda tecnolóxica no referente ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”.
Manuel Baltar salientou tamén o traballo realizado por Fernando Suárez para acadar a aprobación “deste proxecto de vangarda tecnolóxica”.
A iniciativa, engadiu, permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispor dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Os aspectos clave do proxecto, engadiron Baltar e Suárez, pasan pola integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense a través dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre “a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais”.
Asemade, salientaron o factor “interoperabilidade”, xa que “a plataforma será quen de obter información de diferentes fontes de datos”; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través “de solucións TIC punteiras”, explicaron, entre as que se contan a información a gran escala (Big Data), a Realidade Aumentada, a Realidade Virtual, os portais web de potenciación e a mercadotecnia dixital.
A Deputación de Ourense contará con 3 millóns para converter a provincia nun territorio de turismo smart
Compartir Este Artigo
