Os centros de investigación da Universidade de Vigo están a organizar actividades de divulgación gratuítas para visualizar o seu traballo entre a cidadanía e captar futuro talento. O programa de accións Divulgando ciencia singular comezará o 6 de outubro, mostrando como se traballa e os principais fitos pasados, presentes e vindeiros do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC), o Centro de Investigación Mariña (CIM) e no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO). As actividades desenvolveranse ao longo dos meses de outubro e novembro.
O obxectivo é facer descubrir “a investigación que se fai na Universidade de Vigo e que o coñecemento que obtemos é útil para o benestar da sociedade”, explicou Belén Rubio, vicerreitora de Investigación na presentación das xornadas de divulgación científica e tecnolóxica, celebrada a semana pasada. De balde e previa inscrición, calquera persoa, tanto adultos como nenas e nenos, poderán participar neste programa, sinalou Rubio na cita cos medios, acompañada polas directoras e directores dos centros de investigación e pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. Rubio, amais do devandito, tamén lembrou que a Universidade de Vigo atópase, segundo a clasificación elaborado por Times Higher Education, entre as mellores 500 institucións nos eidos da enxeñaría, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e mailas ciencias do mar.
O programa de divulgación científica comezará o sábado 6 de outubro no peirao de A Laxe onde o Centro de Investigación Mariña porá un barco, en varias quendas de mañá e tarde, a disposición das persoas, que previamente se inscribisen. A bordo do buque, os participantes poderán presenciar “exemplos de exploración mariña con drons e robots”, amais de ver como se recollen mostras do fondo para logo desembarcalas no peirao da ECIMAT, onde agardará un grupo de traballo de AtlantTIC que fará demostracións sobre toma de medidas e uso de drons en investigación mariña”.
Pola súa banda, baixo o lema CINBIO ConCiencia: Investiga con nós, o Centro de Investigacións Biomédicas colocará unha carpa, o 19 de outubro na rúa do Príncipe en Vigo e ao día seguinte no Paseo de Ourense, onde se desenvolverán obradoiros sobre xenética, nanopartículas bioinformática ou apnea do sono, así como un almorzo saudable. As actividades continuarán no propio centro o 26 de outubro e no Politécnico de Ourense o 27 de outubro, con xornadas de portas abertas.
No caso de AtlantTIC, as actividades desenvolveranse nas instalacións do centro, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o día 9 de novembro, a través de obradoiros “para achegar cousas que á sociedade lle soa que facemos as e os enxeñeiros de Telecomunicación e que nalgúns casos non son difíciles de entender como as comunicacións por satélite, a manipulación de imaxes, a nova xeración de telefonía móbil 5G”, detallou Carlos Mosquera, director do centro de novas tecnoloxías.
Os centros de investigación da UVigo bótanse á rúa para mostrar os seus achados
Compartir Este Artigo

