Intel anunciou hoxe o lanzamento da 9ª xeración de procesadores Intel Core, os mellores procesadores do mundo para gaming, de xeito que a nova xeración de procesadores de Intel comeza polos equipos de escritorio, aínda que non só se renovan os Intel Core, senón que tamén presentaron novos procesadores Intel Core serie X e o novo procesador Intel Xeon W-3175X.
Os novos procesadores Intel Core i9-9900K son a mellor opción para os usuarios que queiran xogar no seu ordenador persoal co máximo de rendemento, estando tamén este procesador acompañado por outros de 9ª xeración máis básicos como serían o i7-9700K e o i5-9600K, que igualmente achegarán unha experiencia impresionante, contando con ata 8 núcleos e 16 subprocesos, ata 5 GHz de frecuencia turbo nun único núcleo e unha Intel Smart Caché de 16 MB.
Dado que estes procesadores están orientados ao gaming, ofrécense cunhas SKU K desloqueadas a cada nivel de marca e ata 40 carrís PCIe 3.0, o que supón grandes posibilidades de ampliación e a posibilidade de realizar overclocking.
Dende Intel aseguran que con estes novos procesadores é posible chegar aos 309 fotogramas por segundo no xogo Rainbow Six: Siege, ata 224 fotogramas por segundo no Fortnite, ata 221 fotogramas por segundo en PUBG e ata 440 cadros por segundo en Counter-Strike: Global Offensive; resultados que deixan claro que poden levar a experiencia de xogo a un novo nivel. Coa tecnoloxía Intel Turbo Boost 2.0 conseguen ata 5 GHz nun único núcleo, de xeito que a meirande parte dos xogos melloran ata un 10% en taxa de fotogramas con respecto á anterior xeración, mentres que se comparamos cun PC de hai 3 anos a mellora en rendemento chegaría ata o 37%.
Pero non só os xogadores poden gozar da potencia destes procesadores, senón que tamén os creadores de contido agradecerán as melloras de desempeño e, como exemplo, temos que a edición de vídeo pode acelerarse ata un 34% en Adobe Premiere, mentres que se a comparación a facemos cun ordenador de hai 3 anos o incremento de velocidade sería un 97%.
De xeito xeral, a 9ª xeración de procesadores Intel Core melloran ata un 15% fronte a xeración anterior e ata un 40% con respecto a equipos de hai 3 anos.
Os procesadores Intel Core estrean 9ª xeración coa vista posta nos videoxogos
Compartir Este Artigo
