Estes días o Palacio de Congresos de Santiago ferve de talento profesional. E, tamén, de novas oportunidades dixitais para formarmos, actualizarnos, mellorar o noso currículo e, tamén, pasar a forma parte dun proxecto empresarial innovador. Estamos a falar da edición 2018 de Talentia, o salón de emprego impulsado pola Axencia Local de Colocación e inaugurado onte polo alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Emprego, Marta Lois. Na cita, que se desenvolve ao longo deste 14 de novembro (dende onte), están a participar 1.150 persoas. O obxectivo é xestionar 360 postos de traballo.
Talentia 2018, que busca tender pontes entre solicitantes e demandantes de emprego, constitúe, en palabras de Marta Lois, “un paso adiante para reflexionar sobre o talento dos homes e mulleres que están en situación de procura de emprego”.
Entre outras cousas, inclúe catro espazos de formación, traballo e networking: Conecta o teu talento (onde se xestionan as ofertas de traballo publicadas pola Axencia Local de Colocación e de empresas de todo tipo de sectores levando a cabo os seus procesos de selección no propio Pazo de Congresos), Certifica o teu talento (achegando un espazo para a obtención de acreditacións relacionadas con oficios e con competencias dixitais), Proxecta o teu talento (onde podemos participar en obradoiros que permitan reforzar o noso talento, así como en sesións de mentoring individual e grupal con profesionais e expertos/as de diversos sectores) e Descobre o futuro do teu talento (con empresas presentando os seus programas de captación, acollida e retención das capacidades de cada quen).
Segundo informaron Noriega e Lois, Talentia toma o relevo dos foros de emprego que se viñan impulsando en anos anteriores dende o Concello, e que dende 2010 conseguiron xestionar case 150 postos de traballo e contar con mil participantes.
As competencias dixitais cobran protagonismo en Talentia 2018
Compartir Este Artigo

