A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe os obxectivos e posibilidades dunha nova aplicación turística para atraer visitantes á nosa terra polo vieiro das novas tecnoloxías, e tamén para incrementar o coñecemento que temos (as galegas e os galegos) do noso. A ferramenta Destino Xurés con Cali, que permite coñecer o patrimonio e a historia da montaña do suroeste de Ourense, foi dada a coñecer no marco dunha actividade na que nenos e nenas de primaria do CEIP do Xurés aprenderon, precisamente, a empregar a nova aplicación.
O proxecto inclúe unha ruta cultural interactiva guiada pola personaxe en 3D chamada Cali. Pódese acceder a este itinerario a través da aplicación móbil que pon en valor os principais atractivos culturais da zona e que incorpora vídeos con realidade aumentada, contidos sonoros e imaxes 360º. Segundo fixo saber Nava Castro, os visitantes poderán visualizar a información a través do seu dispositivo móbil ou mediante os paneis interpretativos instalados en cada punto de interese. Tamén poderán planificar a súa ruta por medio da xeolocalización. A directora de Turismo engadiu que a nova ferramenta “contribúe a dar un paso máis no compromiso da Consellería de Cultura e Turismo por ofrecer un destino cada vez máis competitivo”.
A iniciativa partiu dos concellos de Lobios, Bande, Muíños e Lobeira que foron beneficiarios dunha das axudas da liña de subvencións que convoca anualmente Cultura e Turismo para a mellora da sinalización e accesibilidade turística e das que este ano se outorgaron máis de 160. Nava Castro lembrou tamén que a Xunta achegou neste caso máis de 32.000 euros para o Plan de ordenación e accesibilidade dos bens de interese cultural e turístico do Xurés, “que permitiu o deseño do itinerario, a colocación dos sinais identificativos e a posta en marcha da guía interactiva”.
En marcha unha nova aplicación turística galega: Destino Xurés con Cali
Compartir Este Artigo

