Vitae Consultores, firma especializada en mostrar con actividades formativas as novas tendencias e necesidades do panorama actual da profesión informática, vai participar esta semana nunha xornada sobre recursos e ferramentas para axudar aos profesionais a acadar o máximo rendemento no seu labor empresarial e de equipo. A charla Claves para unha captación e xestión sostible do talento TIC celébrase este 30 de novembro no Club Financeiro Atlántico da Coruña.
A cita contará coa presenza de Marcos Carbonell, socio director de Vitae, quen amosará aos asistentes as claves máis eficaces da actualidade para constituír os mellores equipos profesionais, contribuíndo a evitar a fuga de talento e fortalecendo, en última instancia, as capacidades do sector tecnolóxico galego.
A charla tamén contará coa presenza de Brais Rodríguez, experto en mercadotecnia e co-impulsor de Hack a BOS, a primeira escola de programación galega (da que falamos os días pasados con motivo da súa consolidación e das innovadoras metodoloxías de formación postas en desenvolvemento).
Volvendo a Marcos Carbonell, lembrar que é un profesional da formación TIC con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, mestrado en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.
Vitae mostra na Coruña as claves para unha xestión sustentable do talento TIC
Compartir Este Artigo

