A confederación COGAMI e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron a semana pasada unha unidade didáctica e unha páxina web, dispoñible en www.osbolechas.gal/cogami/, dirixidas a sensibilizar aos nenos sobre a necesidade de tratarnos uns a outros en igualdade malia as nosas diferenzas e as nosas características diversas. Estes recursos, que tamén están acubillados no portal www.lingua.gal de Política Lingüística, foron dados a coñecer no CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Diversidade funcional e cognitiva. A unidade didáctica e a web teñen como protagonistas aos personaxes da familia Bolechas.
Ate o colexio desprazáronse os propios protagonistas destes recursos, que apoiaron coa súa presenza activa este novo chamamento a prol do respecto pola diversidade. Durante a xornada desenvolvéronse tamén obradoiros de pintura, creación de chapas e os menores participaron en circuítos con obstáculos para o manexo de cadeira de rodas, ademais de actividades sensoriais, onde se lles taparon os ollos e tiveron que descubrir a través do olfacto ou tacto que obxectos tiñan diante.
Na cita, na que participaron 200 alumnas e alumnos do dito centro educativo, tamén interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, Valentín García, e o xefe territorial da Coruña da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Indalecio Cabana. Valentín García explicou “que aspiramos a que a lingua galega estea presente en todos os espazos da sociedade e, dunha maneira moi especial, no ámbito da educación en valores democráticos, como o respecto á diversidade”. Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística considerou que “non hai mellor opción que convidar Os Bolechas, que tanto éxito teñen entre os nenos e nenas e que sempre falan en galego, a colaborar neste proxecto e en calquera que se oriente á educación no respecto e no valor da diversidade, unha tarefa que ten repercusións en diversos ámbitos: no da lingua, no da ecoloxía, no da igualdade de xénero e no aprecio a persoas con capacidades diferentes”.
Co secretario xeral e o xefe territorial estivo no acto o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, así como o profesorado e o alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán.
COGAMI e Política Lingüística achegan recursos en liña a prol da igualdade
Compartir Este Artigo

