Un ano máis, Google fai balance do ano que remata, e publica un resumo das buscas máis salientables de 2018 como un xeito de lembrar os momentos, as persoas, as ideas e as preguntas que definen o ano que remata. Por desgraza, ao revisar a listaxe cos 10 termos que foron tendencia en 2018 a nivel mundial predominan os pasamentos, de xeito que os únicos termos que poderiamos considerar positivos serían a World Cup (o Mundial de Fútbol) nunha primeira posición, o filme Black Panther en quinta posición e Meghan Markle na sexta.
No caso español os termos que foron tendencia coinciden co resto do mundo ao colocar o Mundial 2018 en cabeza, pero no resto de postos hai unha ausencia total aos pasamentos, conseguindo a actualidade politico-social unha grande presenza, cos termos Cristina Cifuentes, Moción de Censura, Cambio de Horario 2018, Huelga 8 marzo 2018 e Sentencia La Manda nas posicións 2, 6, 8, 9 e 10.
Resulta especialmente salientable o feito de que o xogo Fortnite conseguise colocarse na terceira posición en España, seguido por Bohemian Rhapsody, filme que conseguiu un grande éxito na carteleira (que contaxiouse ao tema musical homónimo, que bateu marcas en volume de reprodución). Continuando no ámbito cultural, temos no sétimo posto Fariña, que sumaría o polémico secuestro do libro co éxito da súa serie televisiva.
A tendencia que falta, sería unha curiosidade televisiva, a canción Cómeme el Donut, que causou sensación no programa televisivo Factor X e contaxiou o seu fenómeno á Rede, superando os 22 millóns de reproducións en YouTube.
Pero para facernos unha mellor idea do que foi tendencia en España Google permítenos consultar as tendencias de 2018 por categorías, de xeito que podemos ver claramente como a personalidade do ano foi a cantante Rosalía, o fenómeno televisivo foi Eurovisión e, como curiosidade, unha das consultas máis realizadas é preguntar o que é un cachopo.
Vídeo no que Google repasa o máis buscado en España en 2018
