Juan González, investigador do Centro Tecnolóxico Gradiant (onde dirixe a área de Seguridade e Privacidade), resultou gañador a semana pasada dunha das batallas de hackers máis referenciais a nivel estatal e europeo. Estamos a falar do desafío-certame Hacker Battle, celebrado ao abeiro das XII Xornadas do Centro Criptolóxico Nacional STIC CCN-CERT-CNI. Organizado polo Equipo de Resposta ante Emerxencias Informáticas do CCN, o CERT, este evento de carácter anual estivo centrado en seguridade informática e durante os días 12 e 13 de decembro reuniu en Madrid a máis de 2.700 profesionais e expertos en ciberseguridade.
A cita foi no cinema Kinépolis de Madrid. O investigador de Gradiant (baixo o sobrenome B0rneira) enfrontouse nun duelo en directo a Bruno Chenoll (Camos) onde ambos tiñan que ir superando diferentes retos de protección tecnolóxico-dixital nun tempo determinado. Despois dos 25 minutos estipulados que marcaba a proba (máis unha prórroga concedida polo público de 10 minutos adicionais), ningún dos dous adversarios conseguiu finalizar todas as probas. Malia todo, o investigador de Gradiant foi quen chegou máis lonxe, polo que se proclamou vencedor.
Para chegar a esta fase final, os participantes tiveron que demostrar a súa capacitación e adestramento nas Atenea Xornadas, plataforma de retos de seguridade creada en exclusiva para o evento. Nela, os participantes enfrontáronse desde o 30 de novembro ata o 3 de decembro a 20 probas de distinta dificultade e temática, como o cifrado de información, e esteganografía forense, a análise de tráfico ou o reversing. Foi Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade da CNN-CERT, o encargado de facer a entrega do premio Atenea ao investigador galego, agradecendo a participación dos máis de 5.000 participantes de Atenea 2018.
Victoria galega na batalla de hackers do Centro Criptolóxico Nacional
Compartir Este Artigo

