A Universidade de Santiago foi unha das dezaoito institucións científicas e académicas que participaron no primeiro curso mundial de microbioloxía de acceso aberto en liña a través da rede social Twitter, unha iniciativa organizada polo grupo de Ensino e Difusión da Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM) coa colaboración da Federación de Sociedades Microbiolóxicas Europeas (FEMS). A actividade desenvolveuse este outono, con case dúas ducias de microbiólogos de entidades europeas impartindo as súas conferencias con feitura de chíos. Por parte da USC tomou parte activa o profesor da USC Jesús L. Romalde, que falou sobre patoxenicidade e virulencia bacteriana.
En total, 3.041.388 usuarios únicos publicaron entradas no curso. Amais, houbo 47.295.396 impresións (veces que os usuarios viron publicacións con #EUROmicroMOOC). Segundo engade a USC no seu balance, a cifra de seareiros da conta de @SEMicrobiologia Twitter aumentou en 1.143 despois das sete semanas. En canto ao seguimento, repartiuse por todo o mundo: o 64,5% de España, o 13,9% do resto de Europa, o 10,2% de América Latina e o 5,7% dos EE. UU.
A USC participa nun curso que se desenvolveu en Twitter e que acadou 47 millóns de impresións
Compartir Este Artigo

