A Cámara de Comercio de Santiago e Abanca convocaron hoxe a quinta edición do seu recoñecemento conxunto ao espírito innovador e emprendedor aplicado ás novas iniciativas de mercado. Estamos a falar do Premio Camiño de Emprendemento 208/2019, unha distinción aos proxectos empresariais máis destacados da demarcación cameral (32 concellos), poñendo en xogo recursos que impulsen o desenvolvemento deses proxectos.
O premio consiste en tres bolsas que cubrirán ao 50 por cento os gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano. Está destinado a emprendedoras e emprendedores que teñan constituída unha empresa cunha antigüidade non superior a dous anos e para emprendedoras e emprendedores que teñan o seu proxecto empresarial en fase de maduración ou se comprometan a facelo nun prazo de seis meses.
Durante os doce meses de estancia na incubadora, recibirán servizos de acompañamento, consultoría e asesoramento, coa finalidade de favorecer o arranque dos proxectos, a súa creación e o seu afianzamento co propósito de “asegurar a súa supervivencia”. Ademais, os participantes poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por Abanca con condicións financeiras preferentes.
As solicitudes para participar deberán presentarse antes do 8 de febreiro ás 14:00 horas no rexistro da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44 baixo) ou no viveiro de empresas do Polígono de Costa Vella (rúa República Checa, 40). A inscrición estará dispoñible na web corporativa www.camaracompostela.com.
O xurado terá en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes. Os seus membros analizarán cada un dos proxectos presentados e manterán unha entrevista persoal cos candidatos. O fallo do premio farase público o día 28 de febreiro nun acto na Cámara de Comercio de Santiago.
A Cámara de Santiago convoca unha nova edición dos seus premios ao emprendemento
Compartir Este Artigo

