A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de informar de que xa se atopa no último mes o prazo para solicitarmos á Xunta as axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a autónomos e empresas illadas do rural. En termos máis concretos, o prazo rematará o 31 de xaneiro. A convocatoria, como lembraremos, publicouse o 9 de novembro no Diario Oficial de Galicia e forma parte da segunda actuación posta en marcha pola axencia xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes ultrarrápidas na Comunidade.
Segundo explica a entidade que dirixe Mar Pereira, os interesados poderán presentar solicitude de forma individual, e como novidade desta segunda convocatoria tamén o poderán facer en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos que se emprazan en localizacións próximas.
Despois dos 500.000 € postos a disposición para as subvencións desta liña concedidas no 2017, a AMTEGA destina á segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Outras actuacións
A devandita medida forma parte da segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, o Plan da Xunta conta cunha terceira actuación que se puxo en marcha neste ano 2018 e consiste en despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Con este investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregue, facilitarase o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 439.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
Con xaneiro remata o prazo das axudas para a Internet ultrarrápida no rural
Compartir Este Artigo

