A primeiros de decembro dabamos conta dunha aplicación móbil galega para iOS que facilitaba que os nenos puidesen falar en directo con Santa Claus mediante videoconferencia, e a compañía coruñesa detrás do proxecto, Cunningo, vén de cumprir o seu propósito de aninovo: adaptar a ferramenta para que os pequenos poidan conversar cos Reis Magos.
Reyes Magos é a nova aplicación para iPhone e iPad, que podemos descargar de balde a través da App Store, e que permitirá que os pequenos poidan conversar en vivo con Melchor, Gaspar ou Baltasar, para así comentarlles os agasallos que queren recibir como recompensa polo seu bo comportamento durante o ano.
Esta aplicación ten dúas faces, de xeito que nun extremo da conversa estaría o cativo que conversa cos personaxes máxicos de Oriente, mentres que noutro dispositivo móbil estaría un familiar que conversaría coa voz camuflada mediante un dos 4 efectos dispoñibles. A figura animada que representa a cada Rei Mago moverá a boca mentres o usuario fala, e tamén rexistrará as expresións faciais no caso de que contemos cun smartphone con cámara TrueDepth (ou sexa, un iPhone X ou superior).
Aínda que a aplicación é de balde, integra compras, de xeito que poderemos adquirir bonos de uso, que van dende 2,29 euros por 15 minutos ata 7,99 euros para un uso ilimitado.
Unha aplicación móbil galega permite falar en vivo cos Reis Magos
Compartir Este Artigo

