A aposta polo galego na docencia conta con novas axudas. Así o fixo saber os días pasados o Goberno galego, a través das consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional. Estamos a falar de dúas ordes da Secretaría Xeral de Política Lingüística no DOG que consisten na achega de axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade pública como para centros de titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata os días 13 e 25 de febreiro, respectivamente. Un dos criterios sobre os que se fai fincapé é o emprego das novas tecnoloxías da información no devandito cometido de difusión e emprego da lingua.
Ambas as convocatorias teñen a finalidade de “contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2018/2019 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades”. O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia).
Sobre os criterios de valoración, os equipos ou o profesorado encargado da dinamización lingüística nos centros educativos que desexen optar a estes apoios deberán presentar un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá sobre todo a contía (un máximo de 800 euros) que obterán para desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.
Teranse en conta o grao de implicación nos proxectos candidatos por parte dos distintos membros da comunidade educativa; o nivel de utilización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC); o grao de colaboración con outros centros educativos, así como con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; a realización de actividades plurianuais e a tipoloxías das actividades propostas.
Política Lingüística impulsa o fomento do galego no ensino a través das TIC
Compartir Este Artigo

