Entre as entidades galegas que participou arreo na última edición do salón turístico FITUR, celebrado os días pasados, atopábase a Deputación de Pontevedra. A presenza da institución que preside Carmela Silva no referencial salón turístico estatal foi unha presenza de marcado cariz dixital. O motivo? O lanzamento de Fame de experiencias?, unha iniciativa de promoción moi centrada nas redes, que comezou a súa andaina presentándose en Madrid e que agora inicia o seu percorrido por Galicia, o resto do ámbito estatal e mesmo boa parte do mundo. Segundo fixo saber a titular do Goberno da Deputación, o lanzamento da campaña non só foi un éxito en FITUR, senón tamén nas redes sociais.
Nelas, a retransmisión da presentación en directo de Fame de experiencias foi unha das máis visitadas da historia da Deputación de Pontevedra. Ademais, o vídeo da iniciativa acumula xa un alcance total de 17.000 persoas e o do referente dixital Machbel máis de 2.000 reproducións. En canto a Twitter, os chíos foron vistos 1,2 millóns de veces chegando a preto de medio millón de persoas usuarias. Fame de experiencias está dispoñible en YouTube, cun trailer de seu a xeito de antesala e coa súa versión definitiva en castelán na canle de Turismo Rías Baixas.


