A Deputación de Lugo mantivo hoxe unha xuntanza con varios dos gañadores dos Premios Emprendemento no Rural, un certame impulsado pola entidade provincial co obxectivo de fomentar a innovación e a xeración de novas iniciativas de mercado no ámbito non urbano, apostando ao mesmo tempo pola creación de emprego e a fixación de poboación. Na reunión participou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, amais dos representantes de empresas como iTechTerm, unha ferramenta tecnolóxica que permite facer seguimento a distancia das vacas e do leite. Asemade, concorreron os impulsores de Almazara de Aceite, Centro Residencial San Vicente, Cantina Albergue Camiño de Santiago e Radis, unha tecnoloxía que posibilitará a monitoraxe, en tempo real, da presenza de gas radón en fogares, edificios públicos e empresas.
López Izquierdo dixo que a posta en marcha destes negocios é “unha oportunidade para a dinamización social e económica do medio rural, pois estímase que estes proxectos xerarán a medio e largo prazo uns 30 novos postos de traballo, todos eles en zonas rurais da nosa provincia”. Asemade, puxo o foco na importancia de sermos testemuñas do espírito innovador do noso rural: “É moi satisfactorio poder coñecer de primeira man como van medrando dende as súas orixes estes proxectos, aos que lles auguramos un grande futuro, que de seguro axudarán a impulsar o crecemento da nosa provincia”.
A deputada tamén lembrou o obxectivo dos galardóns (fomentar a creación de empresas na provincia) e a contía total posta en xogo (50.000 euros, a repartir entre as cinco iniciativas gañadoras). Respecto das iniciativas galardoadas, son as que a citamos a continuación:
· iTechTerm. É un proxecto desenvolvido por tres mozos universitarios, 2 veterinarios que estudan no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, a 1 enxeñeiro informático. O seu modelo de negocio consiste na instalación dun sensor subcutáneo en vacas de leite que fai seguimento da evolución da temperatura e envía datos para seren controladas de xeito automático e remoto, a un dispositivo móbil ou a un ordenador. “Isto”, explica a Deputación, “permitirá actuar en cada animal de xeito precoz no caso de atopar algunha anomalía, detectando patoloxías habituais ademais de ofrecer aos gandeiros unha información máis real e axeitada da cabana que dispón”. As instalacións desta empresa localízanse en Arneiro, unha pequeno núcleo rural de Cospeito, na Comarca da Terra Cha, unha das zonas da provincia que conta cun maior número de explotacións.
Segundo engade a institución provincial lucense, trátase dunha idea que conta “cun grande potencial de crecemento”, xa que ceiba aos responsables das explotacións do complexo e arduo labor de recoller información de cada animal, un por un. Os impulsores de iTechTerm contan cun investimento inicial de 20.800 euros, polo que coa axuda da Deputación de 10.000 euros, redúcese ao 50% a achega iniciar dos promotores deste proxecto.
· Almazara de Aceite
Trátase dunha explotación agrícola na que se plantarán 10 hectáreas de oliveiras e se a construirá unha Almazara para a produción de aceite agroecolóxico. O modelo de negocio da firma, que se emprazará no concello de Taboada, busca comercializar aceite completando o ciclo produtivo: plantación, recollida, extracción, transformación e comercialización directa, co fin de facer o modelo máis rendible.
· Radis
Trátase dunha empresa que ofrecerá servizos de detección de gas radón para, no caso de presentarse en concentracións prexudiciais para a saúde, ofrecer tamén medidas para a súa eliminación. Segundo indican os seus impulsores, a día de hoxe os efectos do dito gas son descoñecidos para a inmensa maioría da sociedade polo que tamén desenvolverán outro tipo de acción encamiñadas á concienciación da sociedade. A súa actividade complementarase co desenvolvemento dun detector deste gas para ser instalado nos fogares, nas empresas e nos edificios públicos. Esta tecnoloxía será quen de avisar de concentracións elevadas de gas e ofrecer datos en tempo real con medicións automáticas.
· Centro Residencial San Vicente para persoas maiores
O proxecto consiste no aproveitamento dun edificio sen uso (antigo hotel) en Rábade para un centro residencial para 53 persoas maiores en réxime interno, con ou sen dependencia, incluíndo todos os servizos necesarios para o seu benestar. A promotora do mesmo traballa desde hai máis de dez anos como arquitecta e é unha muller emprendedora. O centro pretende ser un referente na comarca de Lugo na atención persoal, próxima e de calidade.
· Cantina Albergue Camiño de Santiago
Este proxecto consiste na posta en marcha dunha cantina-albergue situada en As Seixas, poboación de Palas de Rei, Lugo, e promovido por unha muller emprendedora. O Camiño de Santiago Primitivo, recentemente nomeado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO atravesa esta pequena aldea e que conta cun grande número de peregrinos, uns 15.000, que deciden escoller esta ruta de peregrinación.
Os proxectos premiados pola Deputación mostran dende o rural lucense os seus modelos de negocio
Compartir Este Artigo

