Como vén sendo costume nos últimos anos, a Festa do Cocido de Lalín vaise celebrar tamén nas redes. Segundo vén de informar o Concello, dous elementos veñen de unir forzas para mellorar ao máximo a experiencia festiva de quen se achegue ao longo destes días á vila pontevedresa, co fin de desfrutar da 51 edición da devandita celebración: por unha banda a Festa do Cocido en si mesma, pola outra os Roteiros de Lalín. A isto cómpre engadir un terceiro e un cuarto ingrediente: os móbiles de cada quen e a páxina web feiradococido.lalin.gal, referencial fonte de información útil para visitantes e tamén para a veciñanza.
Estes e outros datos foron dados a coñecer polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que sinalou que a iniciativa Roteiros de Lalín quere tirar proveito da tempada de cocido para propoñer “unha alternativa de ocio única”, xunguindo a realización dunha andaina coa posterior degustación dun cocido de Lalín. A isto cómpre engadir diferentes recursos dixitais para mellorar a experiencia sendeirista.
Segundo explicou, a idea vai sobre todo dirixida a visitantes, aínda que tamén pode ser desfrutada por veciños e veciñas de Lalín. Deste xeito, proponse elixir unha andaina entre a vintena que compoñen a oferta de Roteiros de Lalín e un restaurante entre os múltiples que ofrecen cocido “co fin de degustar o prato rei da gastronomía galega tras rematar a andaina”, engadiu.
Toda a información sobre os itinerarios pódese atopar e descargar a través do portal web www.roteiros.lalin.gal, de onde se poden extraer os trucks en GPS que servirán aos camiñantes para guiarse na ruta, aínda que, como sinalou o edil, “gran parte delas conta xa con sinalización homologada ou permanente”. Por outra banda, o tenente alcalde lembrou que a información sobre os establecementos que participan no cocido pódese atopar en www.feiradococido.lalin.gal ademais de nos dípticos do Mes do Cocido repartidos por todos os establecementos colaboradores.
Ademais, Roteiros de Lalín tamén ofrece a oportunidade de acollerse á modalidade de rutas guiadas as fins de semana do 9 e 10 de febreiro e do 16 e 17 de febreiro. As persoas que desexen máis datos ou solicitar a compaña dun guía voluntario poden solicitalo a través de viariumdezae@gmail.com.
As tecnoloxías amplifican a celebración da Festa do Cocido de Lalín
Compartir Este Artigo

