As novas tecnoloxías e, polo tanto, as máximas facilidades e comodidades para a comunidade lectora e, tamén, para o persoal de xestión, investigación e atención, avanzan nas nosas bibliotecas. Segundo confirmou hoxe a axencia autonómica AMTEGA, un total de 80 bibliotecas municipais disporán ao longo deste ano do sistema integrado de xestión, un software libre de código aberto que está a permitir a integración de todos estes centros de lectura e coñecemento (centros públicos) nunha contorna unificada, tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia por parte de calquera usuario.
Segundo engade a axencia, a día de hoxe xa son 110 as bibliotecas que dispoñen deste sistema de xestión, que se comezou a implantar en 2016 e que ao remate do ano terá incorporado preto de 200 bibliotecas e axencias de lectura públicas.
Entre outras vantaxes, o novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca e da Rede en xeral tras a creación dun catálogo único, accesible a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Isto permite que as lectoras e lectores teñan ao seu dispor, cun cartón único, os servizos de todas as salas públicas integradas e a posibilidade de facer xestións en liña como a solicitude do propio carné, reservas, renovacións, etc, así como xestionar a petición de libros a través da plataforma GaliciaLe, o sistema de préstamo de libro electrónico.
A axencia explica que “con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios”.
Xa nun plano máis xenérico, AMTEGA sinala que a integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón “impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, que permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, que mellora a visibilidade dos fondos dos centros, e que favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos”.
Os traballos de integración teñen a súa orixe en 2016 coa incorporación ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas, durante 2017, avanzouse na segunda fase, que se completou en xaneiro de 2018 coa integración dun total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais. Agora comeza una terceira fase que contempla a incorporación doutras 80 bibliotecas públicas municipais. Trátase dun proceso de incorporación progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede e que abordará tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.
Esta actuación enmárcase no proceso de dixitalización da rede pública de bibliotecas que conta cun investimento preto de 2 millóns de euros no período 2016-2020, co-financiados con fondos FEDER, para “o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios”.
AMTEGA integra outras 80 bibliotecas públicas no sistema único de xestión
Compartir Este Artigo

