A Rede é un instrumento de comunicación e, tamén, unha ferramenta axeitada para visualizar discriminacións, inxustizas e vulneracións dos nosos dereitos. No caso concreto do que imos falar, vulneracións de dereitos lingüísticos. Todo isto vén a conto porque a Mesa pola Normalización Lingüística presentou o balance de 2018 relativo ao seu servizo Liña co Galego, que, como lembraremos, é unha ferramenta posta en marcha pola Mesa para permitir que a cidadanía informe polo miúdo das discriminacións contra a nosa lingua, denunciándoas publicamente a través de chamadas, correos, mensaxes e, por suposto, a aplicación dixital específica da Liña do Galego.
Segundo os datos presentados hoxe, a plataforma lingüística tramitou o ano pasado 303 queixas, 29 consultas e 58 parabéns a través das devanditas canles. A información foi dada a coñecer por Marcos Maceira, presidente da Mesa; Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos; e Sara Seco, técnica do Observatorio de Dereitos Lingüísticos.
Segundo explicaron, cómpre entender as cifras na súa dimensión real: “As 300 queixas recibidas son unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados son sistemáticas”, laiouse Elsa Quintas, engadindo que preto da metade das rexistradas a través do servizo da Mesa, un 46%, son referidas á Administración Pública, tanto estatal como autonómica e local. “Este dato”, explicou, “móstranos que en xeral é no ámbito da administración no que a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración”.
No balance tamén se fai saber que é na Administración autonómica na que recaen a meirande parte das queixas recibidas na Liña do Galego ao longo do 2018, cun 46% das queixas referidas á administración (un 12% ao Servizo Galego de Saúde e o resto á propia Xunta). Asemade, sinálase que a Administración local abrangueu neste 2018 un 35% do total entre as queixas interpostas a concellos e deputacións provinciais. Polo que se refire á Administración xeral do Estado, obtivo un 20% do total, onde salienta o papel despregado pola Axencia Tributaria, que, segundo A Mesa, “continúa sen ofrecer formularios en galego”.
A maioría das queixas enviadas polas usuarias e usuarios da Liña do Galego refírense á discriminación e exclusión do galego (30%), denunciando o incumprimento da lexislación vixente en materia de normalización lingüística. A deturpación toponímica (22%) segue a ser unha das protestas máis repetidas cando a veciñanza ponse en contacto coa Liña do Galego e a non atención ou negación, tanto oral como escrita, en galego (18%), xunto coa ausencia do galego nas webs e servizos online son outras das máis numerosas críticas das que se fixo rexistro na Liña do Galego ao longo de 2018. A non rotulación e sinalización en galego especialmente por parte das administracións públicas acada un 12% do total dos expedientes de queixa rexistrados.
Sara Seco, pola súa banda, lembrou que o labor que desenvolve a Liña do Galego ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas. Entre estes comportamentos arranxados figuran algúns que teñen relación directa coas redes dixitais:
· Ao longo do ano 2017 foron recibidas na Liña do Galego diversas queixas onde a cidadanía mostraba a súa desconformidade con que a páxina web do Concello de Sanxenxo non estivese dispoñible en galego. Tras o envío de diversos expedientes de queixa elaborados pola Liña do Galego, a día de hoxe a web do Concello de Sanxenxo xa está dispoñible en galego.
· Foi rexistrada na Liña do Galego unha queixa contra o Concello da Coruña na que se aseguraba que os programas das salas do Cine Forum estaban só en castelán, tanto fisicamente como na web de cultura do Concello. Actualmente, están tamén en galego.
· Tras enviarlles a queixa dun cidadán que aseguraba que na súa web estaban deturpados varios topónimos galegos, dende a Casa Real respostaron desculpándose e comprometéndose a corrixir este erro. Agora na súa web os topónimos figuran correctamente.
· Na páxina web da Garda Civil, dependente do Ministerio de Interior, aparecían múltiples topónimos galegos deturpados. Tras enviarlles un expediente de queixa, puxeron solución a esta situación e agora a toponimia na web da Garda Civil aparece da maneira axeitada.
A cidadanía galega opta polas TIC para denunciar discriminacións contra a lingua
Compartir Este Artigo

