As novas tecnoloxías fanse fortes no turismo pontevedrés, tanto para mostrar os atractivos da provincia, como para atraer visitantes, comunicarse con eles e mantelos no tempo. E mesmo para mellorar a súa experiencia. Onte mesmo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou unha guía sobre a arquitectura eclesiástica da provincia, Mosteiros das Rías Baixas, que se complementa cunha nova liña de visitas virtuais a estes monumentos históricos. Estas iniciativas supoñen a estrea dun produto turístico que é a primeira acción, este ano 2019, do proxecto Fame de Experiencias da Deputación.
Respecto da guía Mosteiros das Rías Baixas, vén cunha tirada de 2.000 exemplares en galego, castelán e inglés, e recolle información sobre a historia, estrutura de construción, modo de vida, oficios, lendas e actividade económica dos seis conxuntos relixiosos máis importantes da provincia: mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, de finais do século X; mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, de 1135; mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, de mediados do século XII; mosteiro de San Xoán de Poio, do ano 942; mosteiro De San Salvador ou San Benito de Lérez, en Pontevedra, de finais do século X e mosteiro de Santa María de Oia, principios do século X.
A guía compleméntase coas novas visitas virtuais con gafas VR (Realidade Virtual) tamén aos mosteiros da provincia. Estas poden facer a través da web https://turismoriasbaixas.com. Segundo fixo saber a presidenta provincial, as lentes específicas están a disposición da cidadanía, de balde, nas oficinas do Palacete, do aeroporto de Peinador, do mosteiro de Armenteira e tamén dos Mosteiros de Carboeiro, Aciveiro, Poio, San Benitiño e Oia. Para a visita virtual, engadiu Silva, “o único necesario é un teléfono móbil, co que descargar un código QR ou ben visitar a web turismoriasbaixas.com, seleccionar o modo VR e introducir o móbil nas gafas; despois achegarnos ás lentes e facer a visita virtual, un verdadeiro percorrido polo mosteiro de Armenteira e de Carboeiro nestes momentos, porque a idea e ampliar a visita nos vindeiros meses aos demais”.
Volvendo á guía da arquitectura eclesiástica pontevedresa, cederase en préstamo nos mosteiros e poderase adquirir no castelo de Soutomaior ou na plataforma de venda castelodesoutomaior.com. A guía presenta lendas como as da Ponte do Demo do mosteiro de Carboeiro, Ero de Armenteira ou o oso de Oseira e historias como as loitas contra a piratería no mosteiro de Oia, as neveiras do Candán, o aceite milagreiro de San Benitiño ou as recollidas na biblioteca do mosteiro de Poio.
Os turistas poderán coñecer os mosteiros das Rías Baixas con visitas virtuais
Compartir Este Artigo

