
A actividade celebrarase no restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro da Coruña (Estrada Os Fortes, s/n), entre as 14:00 e as 17:30 horas. O persoeiro convidado será, como dixemos, o avogado especializado en TIC Víctor Salgado Seguín. O experto centrará a súa exposición en tres liñas argumentais: o regulamento sobre protección de datos, a lexislación relacionada coa intelixencia artificial, e o tratamento dos datos das redes sociais por parte dos partidos políticos.
Nun primeiro momento, Víctor Salgado comentará aos asistentes as normativas actuais referentes á salvagarda da información, allea e propia. Falará do Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais de 2018, onde se establecen novas obrigas e responsabilidades para as empresas e profesionais que traten con información de persoas e entidades. Ademais, Salgado relacionará tamén estas normas cos novos modelos de negocio que xorden na rede e o que contempla o actualizado Réxime Sancionador de Protección de Datos.
No relativo á Intelixencia Artificial, o relator compartirá cos asistentes o contexto legal actual, facendo fincapé no que esta tecnoloxía se atope a día de hoxe fóra da lexislación, aínda que existe un proxecto da Unión Europea para regulala, establecendo límites e un código ético, tanto para compoñente de software como de hardware. Comentará tamén os modelos de IA máis coñecidos a día de hoxe, como son a explotación de datos que usa Google (Google Assistant) e Amazon (Alexa) ou outro asistente de voz como o Siri de Apple.
Outro tema relevante que tratará Víctor Salgado será o tratamento que realizan os partidos políticos dos datos persoais presentes nas redes sociais a través da tecnoloxía di Big Data, aspecto que contempla a actual lei española de protección de datos. O programa da sesión de hoxe tamén inclúe un debate arredor da posverdade, un novo concepto que xorde pola manipulación e a difusión de noticias falsas para influír na sociedade e na súa vontade de voto.
Víctor Salgado protagoniza hoxe unha nova sesión do programa tres14.pm
Compartir Este Artigo

