
As actuacións para a extensión da banda larga ultrarrápida entre os centros educativos de Galicia realizáronse no marco do convenio subscrito por Red.es (entidade adscrita ao Ministerio de Economía e Empresa), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.
O obxectivo de Escolas Conectadas foi fornecer de conectividade de Internet ultrarrápida e redes internas de comunicacións aos centros docentes de primaria e secundaria obrigatoria e educación especial, do que se están beneficiando un total de 280.893 alumnos. Ademais, a estes centros tamén se lles dotou de acceso a RedIRIS, a rede académica e de investigación española.
O director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga, dixo, ao fío deste proxecto e a súa vertente galega, que o espallamento da conectividade por banda larga de alta velocidade nos centros educativos “permite reducir a fenda dixital e impulsar unha educación innovadora, moderna e de calidade”. Amais, sinala, proporciona “a infraestrutura precisa para afrontar o aumento do tráfico en Internet e un uso crecente de novos dispositivos e recursos dixitais, que cada vez resultan máis imprescindibles no eido educativo”.
Nun plano máis detallado, Cierco fixo saber que os traballos requiriron da instalación de 4.283 puntos de acceso. Amais, explicou que o 20% das sedes escolares nas que se interveu sitúanse en poboacións de menos de 2.000 habitantes e o 33% das sedes teñen menos de 50 alumnos. O obxectivo disto, dixo, foi “lograr que o alumnado e o profesorado de zonas rurais e de zonas xeográficas de difícil acceso dispuxeran das mesmas condicións de conexión que se ten nos colexios dos grandes núcleos de poboación”. Tamén se conseguiu que no 60% das sedes docentes onde se interveu dispuxeran dun largo de banda de 500 Mbit/s, “superando amplamente o obxectivo previsto de 100 Mbps”, engadiu.
Red.es e a Xunta levan a banda larga ultrarrápida a case un milleiro de centros docentes
Compartir Este Artigo

