A Deputación de Ourense formalizou a semana pasada a súa integración nos órganos de goberno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (Rede DTI), que ten como obxectivo desenvolver un novo modelo de turismo baseado na innovación e na vangarda tecnolóxica. Esta participación activa na Rede da institución galega formalizouse en Madrid coa sinatura dun protocolo de actuación para o impulso e promoción da DTI no que tamén concorren o Goberno de España, a FEMP, SEGITTUR e outras administracións locais.
O acto de constitución dos órganos de goberno da Red DTI (nos que se inclúe á Deputación de Ourense) celebrouse na Secretaría de Estado de Turismo en Madrid, e contou coa presenza da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. A finalidade foi vincular as diferentes administracións públicas e institucións a promover a conversión dos destinos turísticos de España en destinos intelixentes, impulsando a investigación e o desenvolvemento de novas ferramentas e plataformas turísticas.
Baltar cualificou de “impulso decisivo” para Ourense o feito de que a provincia forme parte dos órganos de goberno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, “unha excelente plataforma de cooperación sobre intelixencia turística e o intercambio de experiencias e boas prácticas que nos permitirá seguir explorando novas iniciativas de sustentabilidade social e medioambiental, así como de financiamento e ferramentas de xestión e información, todo isto para ofrecer na nosa provincia, tradición, natureza, termalismo e historia, sempre cun marcado carácter innovador, como demandan os novos perfís do turista”.
Segundo dixo, a plataforma integral de turismo intelixente Hai un Ourense para ti. Descúbreo ofrecerá aos turistas un portal web avanzado de información turística e unha aplicación móbil de turismo da provincia, ademais dun planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios. Tamén incluirá sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo. Este proxecto, que foi aprobado na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, suporá para a provincia de Ourense unha inxección económica de tres millóns de euros, co-financiados aos 60 % polo Estado.
Para a consecución deste obxectivo, Manuel Baltar salientou o traballo realizado por Fernando Suárez, director da Área de Transparencia da Deputación de Ourense.
A Deputación de Ourense participa no goberno da rede de destinos turísticos smart
Compartir Este Artigo

