Hoxe a asociación de comerciantes e empresarios Compostela Monumental pon en marcha o seu novo curso de alfabetización dixital de informática básica para complementar os recursos formativos e a empregabilidade das mulleres de Santiago e a súa contorna. O obradoiro, que se desenvolve ao abeiro do programa de emprego Emprégate III, achegará ás participantes coñecementos para fortalecer o seu currículo de cara a traballar no sector servizos, fornecéndoas de nocións básicas sobre o manexo de distintos programas ofimáticos e a súa aplicación o eido laboral.
A actividade formativa, que comeza esta tarde, ten unha duración de 25 horas e desenvolverase ata o día 17 abril na aula formativa que Compostela Monumental ten na súa sede da Algalia de Arriba 31. Colabora co programa Emprégate de Compostela Monumental a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

