En abril os nosos investigadores, desenvolvedores, estudantes e profesionais en xeral con interese nos sistemas intelixentes van ter unha oportunidade de dar novos pasos no seu traballo co Curso Introdución á Computación Cuántica que se celebra entre o 1 e o 4 de abril no CESGA (o Centro de Supercomputación de Galicia).
A actividade formativa, que vai ser impartida polo profesor Andrés Gómez Tato en horario de 16.00 a 19.00 horas, quere ser unha porta de entrada á computación cuántica e a todos os importantes e prometedores recursos que propón este novo paradigma do cálculo avanzado para ámbitos diversos como a aprendizaxe das máquinas, as simulacións químicas, o desenvolvemento de novos fármacos, a resolución de problemas de optimización de cifrado, etc.
Respecto do temario, inclúe unha introdución á computación cuántica a través de 1qubit, un achegamento ao traballo de cálculo con múltiples qubits (introdución a ProjectQ) e máis unha liña formativa sobre algoritmos cuánticos básicos e sobre algoritmos avanzados para a computación cuántica (algoritmos híbridos: HHL, VQE, optimización, QML).
Segundo informa o CESGA, para a realización da actividade requírense dos participantes coñecementos sobre Python e, tamén, é recomendable terse dado de alta na plataforma IBM Quamtum Experience.
O curso está dirixido a investigadores, profesores, profesionais das novas tecnoloxías da información e e máis estudantes.
O CESGA introdúcenos en abril nos usos e posibilidades da computación cuántica
Compartir Este Artigo

