Estes días estase a celebrar en 10 cidades estatais, incluída Vigo, a quinta edición dos HackForGood, os encontros simultáneos da Cátedra Telefónica para favorecer a vertente máis positiva do espírito hacker: trátase de convidar a estudantes a resolver unha serie de desafíos co nexo común de contribuír, coa súa resolución, a un mundo mellor. Pola Universidade de Vigo participan 45 alumnas e alumnos de Enxeñaría, de Bioloxía, de Publicidade ou de Relacións Públicas.
O Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo acolle desde este xoves e o sábado a quinta edición en Vigo de HackForGood, un evento promovido pola Cátedra Telefónica e que se desenvolve de forma simultánea en dez cidades españolas (Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, Las Palmas…).
O encontro foi inaugurado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta de Telefónica Galicia Marta Menéndez, que se amosaron “tremendamente satisfeitos, coa evolución que está a amosar esta actividade e o gran nivel adquirido nas últimas edicións”. Sobre a evolución de HackForGood, a representante en Galicia da compañía de telecomunicacións, fixo fincapé en que o éxito do programa provocou que este ano se sumaran ao encontro outras dez universidades de toda España “acadándose a maior cifra de universidades participantes dos últimos sete anos, que é o tempo que leva organizándose o HackForGood, os últimos cinco con presenza aquí en Vigo”, recalcou Menéndez, que se referiu ás 25 cátedras coas que conta esta empresa na actualidade (distribuídas en 23 universidades públicas e privadas) como “a mellor maneira de achegarse ao talento universitario”.
Trala inauguración, o reitor e a responsable en Galicia de Telefónica puideron coñecer de primeira man os proxectos nos que están a traballar cada un dos equipos. Fixeron o percorrido pola sala acompañados polo responsable da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, o profesor José Cidrás, quen destacou o interese desta iniciativa non só para os estudantes, senón tamén para os docentes.
Nesta edición viguesa de HackForGood participan un total de 12 equipos, compostos por alumnas e alumnos de diferentes titulacións, sobre todo do Campus de Vigo, pero tamén de Pontevedra e Ourense. Boa parte dos participantes proveñen das enxeñarías, pero este ano destaca tamén a implicación do alumnado da Facultade de Bioloxía, que participa no encontro con varios proxectos de carácter ecolóxico.
Na edición viguesa de HackForGood repartiranse un total de 4.000 euros en premios: 1.000 para o primeiro premio, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A maiores haberá tamén catro premios temáticos, dotados cada un deles con 500 euros: á innovación social, á innovación enerxética, a sustentabilidade e o medio ambiente. Os equipos gañadores en cada sede competirán despois por algúns dos premios que se reparten a nivel nacional.
Organizadoras e metodoloxía
HackForGood conta co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade de Vigo, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars.
HackForGood estrutúrase ao redor de desafíos ou proxectos de innovación social denominados “retos” que poden ser propostos por calquera persoa ou entidade a través da web http://www.hackforgood.net e que a organización asignará a un equipo de hackers para que traballen na iniciativa durante o transcurso do encontro.
Durante HackForGood 2019 valorarase a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ademais da creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, nacionais e Big Day.
· Premios HackForGood Locais (concederanse aos mellores equipos de cada unha das sedes ou cidades, o último día de HackForGood). Primeiro premio: 1.000 euros. Segundo premio: 600 euros. Terceiro premio: 400 euros.
· Premios temáticos sede Vigo. Premio á Innovación Social: 500 euros. Premio á Innovación Enerxética: 500. Premio Sustentabilidade: 500. Premio Medio Ambiente: 500.
· Categoría Premios HackForGood Big Day (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais que se significaron pola súa continuidade e resultados obtidos desde a súa presentación a HackForGood). Primeiro premio. 4.800 euros. Segundo premio: 3.200 euros. Terceiro premio: 1.200.
· Categoría Premios Premios HackForGood Nacional: (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais). Primeiro premio: 3.200. Segundo premio: 2.400. Terceiro premio: 800. Bolsa Universidade Politécnica de Madrid (50% -valorada en 3.000 euros). Premio Innovación Sustentable de Telefónica (5 tabletas iPad). Premios Blockchain for Good Telefónica.
Até 45 estudantes participan na UVigo nos desafíos hacker de Telefónica
Compartir Este Artigo

