O alumnado do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo mantivo este xoves unha xuntanza cos realizadores Sito Torres e Miguel Granero, dentro dos Encontros Mestre Mateo que organiza a Academia do Audiovisual Galego. Os lucenses Torres e Granero alzáronse co premio á mellor realización por Álbum de viaxe, ao que tamén optaban Isabel Blanco, por Pasaporte Galego, José Villaverde por Land Rober Tunai Show e Xabier Eirís por Imos indo. Ademais, a visita celebrada hoxe tivo un significado especial, xa que Torres formouse na Fundación TIC, a entidade precedente do Servizo de Audiovisuais da Deputación.
A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, salientou na sesión de hoxe “a importancia que teñen estes encontros para que o noso alumnado, os futuros realizadores e produtores, manteñan un contacto directo cos mellores profesionais do audiovisual de Galicia e coñezan de primeira man a súa traxectoria e as súas experiencias”. A deputada tamén subliñou o triunfo de Sito Torres, ex alumno da TIC, e Miguel Granero con Álbum de viaxe, “un proxecto eminentemente lucense, xa que os dous son de Lugo, como tamén o é a súa presentadora, Melania Cruz, e máis as almas mater do programa, Alberte Cabarcos e Estela Freire”. Esta importante pegada local complétase, dixo, coa colaboración da antiga Fundación TIC na produción do programa piloto que se gravou na Deputación e a participación dunha das bolseiras da entidade formativa na montaxe de toda a serie.
Os creadores de Álbum de viaxe reúnense co alumnado do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo
Compartir Este Artigo

