A Cidade da Cultura acolleu esta mañá unha sesión de traballo do Plan Senda 2020, destinado a facer avanzar a modernización tecnolóxica da Xustiza en Galicia. Na xuntanza fixeron acto de presenza o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda; a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, así como os presidentes das audiencias provinciais e os xuíces decanos. A sesión serviu para fondar no estado de desenvolvemento do chamado Expediente Xudicial Electrónico, que, segundo se fixo saber, “ten todas as súas pezas en funcionamento”.
Amais, tamén se abordaron cuestións como o sinatura dixital, o visor do eExpediente Xudicial ou o inicio das demandas online.
Respecto da sinatura dixital, díxose que en 2018 serviu de alicerce a preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, “unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior”, explicaron Rueda e Pereira, engadindo que esta suba está directamente ligada ao medre dos órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, informaron, “a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionario e con Fortuny o sistema dos fiscais facilita un maior uso da sinatura electrónica”.
Polo que atinxe ao visor, outra das medidas do Plan Senda, está implantado desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Respecto do repositorio unificado xudicial, a pedra angular é da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza…), integra a día de hoxe máis de 32 millóns de documentos, unha cifra que duplica a de 2017. Amais, Pereira e Rueda sinalaron que cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.
No que se refire ás demandas online, nos últimos cinco meses de 2018 os galegos presentaron a través da sede xudicial electrónica un total de 270 procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Na cita de hoxe recordouse que a presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse o pasado ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e hoxe xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos das xurisdicións civil ou social.
Por outra banda, a través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo A miña carpeta, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
Vicepresidencia e AMTEGA fan avanzar o Plan Senda
Compartir Este Artigo

