O Programa Ignicia, que ten o obxectivo de apoiar a nosa investigación e conectala con ligazóns firmes ás empresas (impulsando proxectos potencialmente transferibles), celebrou onte en Santiago unha xornada de presentación, nun encontro sobre os detalles do programa que contou coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde. Segundo fixo saber, Ignicia está neste intre dando o seu respaldo a 16 proxectos innovadores con capacidade para marcar un antes e un despois en materia investigadora e empresarial: proxectos das nosas universidades e dos nosos centros de coñecemento que, en palabras de Conde, “están a xerar novas ideas e solucións para adiantarse ás necesidades tecnolóxicas da industria e das empresas galegas, sobre todo no eido da biotecnoloxía e das Tecnoloxías da Comunicación e a Información”.
Conde tamén lembrou que o programa enmárcase na aposta polo coñecemento da Xunta, apoiando a captación e retención de talento, ofrecendo unha nova oportunidade para que os investigadores galegos poidan desenvolver solucións tecnolóxicas para a Industria 4.0 e para os sectores produtivos e estratéxicos da Comunidade.
Ignicia conta coa colaboración da Fundación Barrié e a súa actividade materialízase ofrecendo aos proxectos seleccionados unha vía de maduración e outra de financiamento para a súa consolidación. “Búscase facilitar a transferencia de resultados dese traballo investigador ao mercado realizando unha detección temperá dos proxectos con potencial innovador, contribuíndo así á rendibilidade económica e social do investimento público en investigación”, explicou o conselleiro, que destacou iniciativas concretas apoiadas como a nova firma Alén Space, a primeira spin-off creada no marco deste programa e que foi elixida entre as 70 mellores startups de España, ademais de gañar os Premios TIC Galicia 2019.
Na primeira edición, dos 9 proxectos que se apoiaron, un total de cinco convertéronse en empresas universitarias e os catro restantes foron mediante acordos con licenza.
Ignicia e os seus dezaseis proxectos participantes locen capacidade de transferencia
Compartir Este Artigo

