A mocidade compostelá ten dende xa unha nova web para socializar e reafirmarse no uso do galego. Este é un dos obxectivos do proxecto #SenCancelas, visible en www.sencancelas.gal. A iniciativa foi impulsada polo Concello de Santiago, a través da Concelleira de Mocidade. A principal responsable do departamento, Noa Morales, presentou hoxe os principais obxectivos da proposta. Segundo fixo saber, trátase dun proxecto de lecer alternativo para mozas e mozos nacidas/os entre 2002 e 2005, co obxectivo de impulsar a súa creatividade e darlles un chan firme no que pisar en relación co uso do galego. Trátase, polo tanto, dun espazo duplo (offline e online) de lingua plenamente normalizada.
Sencancelas, que tamén conta co impulso do Departamento de Lingua de Santiago, busca igualmente abrir xanelas para “desenvolver os intereses da xuventude nos medios dixitais”. Na rolda de prensa, na que tamén participou o encargado da acción, Óscar Maceira, explicaron que a actividade promoverá que os participantes desenvolvan un proxecto piloto de seu (montar un podcast, crear o seu videoxogo, gravar un disco de hip hop, publicar o seu cómic, ter a súa canle de YouTube…) enfrontándose coas dificultades de levar a cabo unha idea emprendedora e “poñendo en contacto a diferentes mozos e mozas con ideas afíns ou complementarias”.
Morales e Maceira engadiron que outros dos desafíos de #SenCancelas é achegar “un territorio libre de prexuízos, en constante evolución, sen fronteiras, aberto ás diferenzas, colaborativo e de portas abertas”. Ou sexa, que se trata de crear un territorio común que faga honra ao nome do proxecto.
#SenCancelas, amais de nas redes, desenvolverase todos os luns durante dúas horas de 18:00 a 20:00 no Centro Xove de Almáciga, dende o 22 de abril ao 15 de xullo e do 2 de setembro ao 16 de decembro.
O período de inscrición é ata o 15 de abril, a través de dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.
Santiago abre unha praza dixital para a mocidade
Compartir Este Artigo

