No marco do Computex de Taipei o director xeral de Asus, Jonney Shih, fixo acto de presenza nun evento especial de prensa para celebrar os 30 anos da súa compañía, aproveitando a ocasión para presentar novos equipos informáticos entre os que destacan especialmente os portátiles ZenBook Pro Duo e ZenBook Duo, que destacan por integrar o ScreenPad Plus, un touchpad intelixente de nova xeración, que adopta un formato de pantalla que ocupa o ancho completo do teclado.
O ZenBook Pro Duo presenta unha pantalla principal 4K (3.820 x 2.160 píxeles) de 15,6 polgadas, mentres que o ScreenPad Plus de 14 polgadas integrado tamén ten resolución 4K aínda que cunha altura inferior (quedando en 3.840 x 1.100 píxeles). Funciona cun procesador Intel Core i9, gráfica nVIDIA GeForce RTX 2060, ata 32 GB de RAM, ata 1 TB de SSD por PCIe 3.0, portos Thunderbolt 3 de ata 40 Gbps, un NumberPad 2.0, Wi-Fi 6, manexo baseado en Alexa e un botón dedicado para activar o turbo-cooling.
O ZenBook Duo, pola súa banda, é un equipo máis modesto, cunha pantalla principal Full HD de 14 polgadas e un ScreenPad Plus Full HD de 12,6 polgadas, procesador Intel Core i7 e gráfica discreta nVIDIA GeForce MX250.
Estes novos ultraportátiles está previsto que cheguen ao mercado no terceiro trimestre do ano.
Asus presenta novos portátiles cunha pantalla secundaria con funcións de trackpad
Compartir Este Artigo

