Ao abeiro do programa autonómico Civil UAVs Initiative, dirixido a converter Galicia (con sede nas Rozas, Lugo) nun polo de creación de tecnoloxías aeronáuticas (drons, aplicacións, servizos), estanse a poñer en marcha unha serie de proxectos de gran relevancia. Por exemplo Galician Skyway, posto en marcha por un consorcio liderado pola multinacional Boing e integrado, tamén, pola axencia galega GAIN, Enaire, INTA, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Televés, CENTUM e SOTICOL. O investimento total de proxecto alcanzará os once millóns de euros, sendo o obxectivo achegar respostas resolutivas para os problemas técnicos derivados dun futuro no que proliferen drons e avións non tripulados no noso espazo aéreo. Trátase, pois, dun proxecto para engadir un extra de seguridade e orde nun espallamento, o dos ditos aparellos, que sen dúbida vai a máis.
Galician Skyway foi presentado a semana pasada en Santiago nunha cita cos medios na que se debullaron os seus principais detalles e os grandes retos que encara. Na cita, entre outros, interveu o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, quen salientou “que en Galician Skyway achegaremos a nosa experiencia en visión artificial embarcada e procesado de datos para garantir a seguridade en caso de perda do UAV”. Froito desta experiencia, engadiu, é o sistema Counter UAS by Gradiant, unha tecnoloxía para a detección, clasificación, seguimento e neutralización automática de drons, que “permite protexer persoas e infraestruturas críticas dentro dun perímetro de seguridade das ameazas que supoñen as actividades ilegais ou neglixentes dos ditos vehículos aéreos”.
Xunto a Gradiant, acompañan a Boeing neste proxecto os seguintes integrantes do consorcio: Enaire (Ministerio de Fomento); INTA (Ministerio de Defensa); a multinacional tecnolóxica galega Televés, CENTUM, startup tecnolóxica galega especializada en telecomunicacións, SOTICOL, unha empresa de base tecnolóxica nada na Universidade de Alcalá e Xunta de Galicia.
Galician Skyway fornecerá dun extra de seguridade o uso de drons a gran escala
Compartir Este Artigo

