Alén Space, empresa galega da que falamos recentemente para reflectir as súas importantes contribucións ao lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia, vén de obter un máis que relevante recoñecemento ao seu labor e á súa proxección futura. Estamos a falar do Premio á accións empresarial máis innovadora ligada á universidade, que concede o xornal Cinco Días e que vén chegar á súa edición número 12. O xurado decidiu entregar á spin-off da UVigo o devandito premio polos seus destacados esforzos en desenvolvemento e fabricación de nanosatélites, pola excelencia da súa tecnoloxía, o seu equipo humano, o seu potencial de mercado e o seu posicionamento.
Segundo nos conta Guillermo Lamelas, director executivo da empresa galega, na decisión do xurado de Cinco Días tamén foi clave “o proceso de rexeneración e transferencia de tecnoloxía desde a Universidade de Vigo a Alén Space e a continua colaboración entre ambas entidades”.
O CEO da empresa tamén recoñeceu que “gañar este premio, ademais dun recoñecemento ao gran traballo realizado ata a data polo noso equipo, e dun caso paradigmático de éxito na relación empresa-universidade, supón unha grande oportunidade para aumentar o coñecemento das enormes posibilidades que os pequenos satélites ofrecen”.
Os nanosatélites Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1 son os exemplos máis salientables da colaboración que ao longo de mais dunha década mantiveron a Universidade de Vigo e Alén Space, agora xa legalmente constituída como unha spin-off da institución académica viguesa.
A viguesa Alén Space, premiada polo seu empuxe innovador
Compartir Este Artigo

