As lámpadas conectadas Philips Hue son probablemente un dos produtos máis habituais para introducirse no mundo da domótica, ao ofrecer unha solución doada e moi completa que facilita xestionar a iluminación do fogar mediante a programación de regras, o uso de aplicacións móbiles e incluso ordes a través de asistentes de voz, pero esta solución ten un pequeno elemento que dificulta lixeiramente a súa integración doméstica: o uso dun bridge que conecta a plataforma domótica á Rede.
Para simplificar a configuración actual veñen de presentar unha nova serie de produtos da familia Philips Hue que, aparte de poder funcionar a través dun bridge, tamén son capaces de operar por Bluetooth, de xeito que para empregar unha lámpada Philips Hue chegaría con enroscala e abrir a aplicación móbil da marca para poder configurar e controlar as lámpadas.
Esta solución permite prender e apagar lámpadas, axustar a súa liminosidade e cor, definir ambientes en función do noso estado diario ou dos nosos hábitos e incluso permitir que cada persoa do fogar poidan ter un control personalizado das lámpadas.
No caso de contar con dispositivos Amazon Echo (con Alexa) o control das novas lámpadas será moi doado, xa que os propios Echo son quen de descubrir e comunicarse coas lámpadas Philips Hue para que o usuario as controle mediante a voz, mentres que con dispositivos que integren o asistente de Google haberá que agardar a que incorporen o soporte de Bluetooth para as lámpadas (funcionalidade que espérase que reciban en breve).
Cómpre detallar que, aínda que as novas lámpadas poidan prescindir dun bridge, a súa utilización é moi convinte, xa que deste xeito conséguese un maior control sobre os dispositivos conectados, podendo incluso controlalos en remoto.
Os produtos Philips Hue con Bluetooth sairán á venda en EE.UU. e Canadá o vindeiro 2 de xullo, mentres que en Europa teremos que agardar ata o outono, cando chegarán ás lámpadas con Bluetooth a un prezo 19,95 euros as lámpadas brancas, 29,95 euros as lámpadas brancas con temperatura de cor axustable e 59,95 euros as lámpadas regulables en cor.
Vídeo no que explican a configuración das novas lámpadas Philips Hue con dispositivos Amazon Echo

