O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) celebra esta mesma semana (estes 4 e 5 de outubro) o seu Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais. A actividade, que se desenvolve na Cidade da Cultura, na aula II, é un complemento formativo da nova xornada Iuristicgal, fixada para o 23 de outubro no mesmo escenario compostelán. O curso, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, terá unha duración de doce horas e contará coa presenza activa de Víctor Salgado, Gonzalo Sotelo, Juan Luis Miguens e Miguel Abal.
A primeira sesión, o venres día 4 en horario de tarde, será impartida por Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, que presentará un relatorio xurídico-práctico sobre informática pericial. O sábado día 5 a sesión matinal será impartida por Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en eCrime, co relatorio Evidencias dixitais, valor probatorio. O contido formativo completarase coa sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG, na que serán relatores Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio.
As persoas asistentes a este curso poderán solicitar o acceso ao Corpo oficial de peritos do CPETIG, COP.
Segundo informa o colexio galego, a oportunidade desta oferta formativa “entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos”, na medida na que utilizar os medios e métodos idóneos resulta imprescindible para que non se malogre a finalidade procesal.
O curso dará as claves para traballar de xeito eficaz coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.
O CPETIG desenvolve esta semana o seu curso de tratamento de evidencias dixitais
Compartir Este Artigo

