O 23 de outubro celébrase a novena edición de Iuristicgal da man do CPETIG

xoves, 3 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia preparou para este outono un completo programa de actividades arredor das novas tecnoloxías e as súas vertentes máis directamente relacionadas coa ciberseguridade, a investigación policial, a avogacía e o dereito. Así, ao Curso de tratamento e análise de evidencias dixitais que se celebra estes días na Cidade da Cultura (a partir de mañá), cómpre engadir a preparación da novena entrega dun clásico dos nosos eventos tecnolóxicos: a Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, que se celebra o 23 de outubro, tamén na Cidade da Cultura e, do mesmo xeito có devandito curso, organizada polo CPETIG en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA.
A xornada, convocada baixo o título Intelixencia artificial e xustiza, vai dirixida a profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral. Ten como obxectivo, en palabras do CPETIG, “informar e concienciar dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial mediante as novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.”
A edición deste ano terá “carácter condensado”, con dous relatorios e unha mesa redonda que se desenvolverán en sesión de mañá, e será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Intervirán como relatores Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro Dereito dos robots, que presentará o relatorio A Intelixencia Artificial ante o Dereito; e Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, que exporá Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro.
A xornada completarase cunha mesa redonda sobre As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos, moderada por Víctor Salgado, director técnico da xornada.
Como novidade, este ano o acceso a Iuristicgal é de balde, previa reserva da praza. Para recadar máis información e formalizar as inscricións cómpre visitar a web http://iuristicgal.cpetig.gal,
Oportunidade
Segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, a novena edición de Iuristicgal será unha oportunidade para actualizar os nosos coñecementos sobre o cada vez máis rico e complexo escenario onde conflúen novas tecnoloxías, dereito e investigación policial. “Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicábel, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral”, sinala o CPETIG, engadindo que un dos grandes piares do encontro é “favorecer que se coñeza esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñíbeis para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto”.

PUBLICIDADE