O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe unha xornada de traballo con Francesc González Navarro, director xeral da Axencia para a Cualificación de Enxeñeiros Profesionais (Agency for Qualification of Professional Engineers). A cita, abeirada ao proxecto tres14.pm (unha iniciativa que busca xerar novos e innovadores espazos de coñecemento, formación e traballo entre as colexiadas e colexiados por unha banda, e persoas relevantes para a profesión, pola outra), desenvolveuse a primeira hora da tarde no restaurante Ruta Xacobea de Santiago, no número 41 de Lavacolla.
Nela, Francesc González Navarro falou sobre a certificación profesional nunha contorna onde cada vez son máis importantes as competencias.
A AQPE é unha fundación que ten os seguintes obxectivos: a certificación dos profesionais da enxeñaría en función dos coñecementos acreditados e a experiencia profesional nas diferentes especialidades (ámbitos de actuación), segundo procedementos de certificación obxectivos e estandarizados; a promoción da converxencia internacional, principalmente europea, dos sistemas de cualificación utilizados e do seu recoñecemento mutuo.
A AQPE ofrece aos profesionais da enxeñaría o certificado PEQ (Professional Engineer AQPE), un sistema inspirado no modelo anglosaxón, no que se diferencia a titulación académica da capacitación profesional, e en conformidade coa ISO 17024 de certificación de persoas en proceso de certificación por ENAC.
O CPEIG celebrou hoxe un networking co director xeral da AQPE
Compartir Este Artigo

