Este martes entregáronse os premios da última edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, impulsada pola Consellería de Economía, a Federación Galega de Comercio e máis Abanca. A iniciativa en reivindicar os establecementos de proximidade a través dunha serie de recoñecementos a esta fidelidade polo pequeno e mediano comercio, innovador, sustentable e beneficioso para as vilas e as cidades. Segundo se fixo saber hoxe, na campaña participaron máis de 108.700 clientes de toda Galicia: 108.700 persoas que rexistraron cadanseus tícket de compra na páxina web www.diasazuis.com.
A nova campaña, realizada entre o 1 e o 20 de outubro, contabilizou un 13% máis de participación cidadá con respecto ao ano anterior e un 6% desde a convocatoria de maio. No acto de hoxe fíxose entrega aos clientes gañadores dos 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 150 euros. O listado completo dos 80 premiados pode consultarse en
https://www.diasazuis.com/ganadores.
É a cuarta vez que se desenvolve esta iniciativa, e a primeira ocasión na que se celebran dúas edicións anuais, sendo o obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos cliente.
Na cita de hoxe participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que gabou o empuxe dos establecementos de proximidade por anticiparse aos novos desafíos “respondendo con innovación e buscando o grao extra de diversificación, ao tempo que poñen ao cliente no centro da estratexia”.
Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o comercio, que representa algo máis do 14% do tecido empresarial galego, significa “calidade de vida para o seu entorno”, polo que cómpre pechar fileiras arredor do seu fortalecemento. Segundo lembrou, para apoiar ese medre, “a Xunta ten en marcha Comercio 360, unha iniciativa que busca a competitividade a través da dixitalización, a economía circular e o produto local”. Amais, dixo, estanse a desenvolver medidas centradas na implantación do tícket dixital, o impulso da ecoinnovación, a mercadotecnia en liña ou a reforma dos establecementos.
Os premios dos Días Azuis do Comercio reivindican a proximidade e a dixitalización
Compartir Este Artigo

