O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou este xoves 21 de outubro en Oleiros unha nova edición do Digital Transformation Day, ao abeiro do calendario de actividades da súa Oficina de Transformación Dixital. A Impresión 3D, a xestión dixital de pequenas e medianas empresas, e o deseño con metodoloxía BIM foron os principais temas abordados nesta ocasión.
Tres especialistas encargáronse de desenvolver cada unha das áreas. Guillermo Blanco abriu a xornada explicando diferentes aplicacións prácticas para a Impresión 3D, de “vital importancia”, dixo, “na actividade de numerosas empresas polas innovacións eficientes que ofrece.”
A continuación, Guillermo Taboada expuxo diferentes ferramentas dixitais para efectuar unha xestión avanzada das PEME. Detallou as vantaxes que achegan en canto a redución de custos, rapidez e precisión nos resultados.
Finalmente, Miguel Picado ofreceu unha panorámica xeral sobre a tecnoloxía Building Information Modeling (BIM), a tecnoloxía que, segundo sinalou, “está a revolucionar os ámbitos das enxeñarías, a arquitectura e a construción coas múltiples solucións que ofrece ao facilitar simulacións dixitais dun deseño nas que se conxuga toda a información do proxecto”.
120 accións
A actividade de onte enmárcase nun intenso calendario de 120 accións coas que o ICOIIG está a chegar ás sete principais cidades galegas ao longo deste ano 2019. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afonda en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Esta iniciativa execútase en paralelo ao Programa de Axudas Asesores Dixitais, dotado con outro cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar plans de dixitalización que axuden ás PEME a incorporar o TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.
Oleiros acolleu unha intensa xornada sobre transformación TIC para as nosas empresas
Compartir Este Artigo

