O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou este xoves 28 na Coruña unha nova actividade de divulgación innovadora: un Digital Transformation Day abeirado ao calendario de accións da súa Oficina de Transformación Dixital. A impresión 3D, a xestión dixital de pequenas e medianas empresas, e o deseño con metodoloxía BIM foron os principais temas abordados nesta ocasión.
Tres especialistas encargáronse de desenvolver cada unha das áreas na sede do ICOIIG na Coruña Guillermo Blanco abriu a xornada explicando diferentes aplicacións prácticas para a impresión 3D, un ámbito de actividade de amplo potencial, sinalou, para impulsar a excelencia, a eficiencia e eficacia de empresas de moi variados sectores. A continuación, Guillermo Taboada expuxo diferentes ferramentas dixitais para efectuar unha xestión avanzada das PEME. Detallou as vantaxes que achegan en canto a redución de custos, rapidez e precisión nos resultados.
Finalmente, Miguel Picado ofreceu unha panorámica xeral sobre a tecnoloxía Building Information Modeling (BIM), a tecnoloxía que está a revolucionar os ámbitos das enxeñarías, a arquitectura e a construción coas múltiples solucións que ofrece ao facilitar simulacións dixitais dun deseño nas que se conxuga toda a información do proxecto.
120 accións
A actividade de onte enmárcase nun intenso calendario de 120 accións coas que o ICOIIG está a chegar ás sete principais cidades galegas ao longo deste ano 2019. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afonda en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Esta iniciativa execútase en paralelo ao Programa de Axudas Asesores Dixitais, dotado con outro cinco millóns de euros a través do mesmo tipo de Fondos Europeos e ten por obxectivo realizar plans de dixitalización que axuden ás PEME a incorporar o TIC nos seus procesos: xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos ou solucións.
O ICOIIG celebrou unha nova xornada sobre tecnoloxías transformadoras
Compartir Este Artigo

