O Grupo Euskaltel, do que forma parte a operadora de ámbito galego R, remata o ano con novidades para os móbiles dos usuarios. En concreto, hoxe comunicou o lanzamento da que sería, nas súas palabras, “a primeira aplicación para todo o grupo que permite acceder a milleiros de contidos televisivos de balde e baixo demanda dende calquera dispositivo”. Trátase dun novo paso na estratexia de Euskaltel de avanzar en servizos converxentes de telecomunicación. Estaría, como dixemos, a disposición da comunidade usuarios de Euskaltel, R e Telecable.
A novidade, segundo informa o grupo, non conformará cambios nos servizos, que se manterán tal e como están (Edonon en Euskaltel, TEDI en Telecable e TV Comigo en R). Porén, o cambio radica no feito de que agora contarase cunha única plataforma que, en palabras da compañía, “mellora o servizo, é máis robusta dimensionable e está preparada para funcionalidades futuras”. Amais, porá un ingrediente extra de rapidez no acceso aos contidos, máis funcións de programación e unha grella máis ampla con audiovisual de todos os xéneros (cinema, series, documentais, infantil, etc.).
O grupo tamén fai saber que en virtude desta nova aplicación, os clientes de televisión de Euskaltel, R e Telecable terán acceso a programas de TV en directo e a canles temáticas, e poderán tamén programar as gravacións desde a app para visualizalas despois desde calquera dispositivo ou desde o desco (e viceversa) ademais de estar en disposición de recuperar calquera programación dos últimos 7 días desde a aplicación, á que se poderá acceder desde dispositivos Android, iOS ou desde a versión web.
Con esta nova ferramenta para móbiles, os máis de 366.000 clientes con desco do Grupo Euskaltel contarán co servizo de televisión desde a app acabada de estrear.
Euskaltel lanza unha app que permite acceder de balde a milleiros de contidos de TV
Compartir Este Artigo

