Esta semana foron dados os coñecer os detalles do xermolo dunha aplicación informática con potencial para facilitar (avaliando o grao de adquisición de habilidades, mostrando como potencialas, axudando ao profesorado a detectar onde centrar esforzos) o desenvolvemento motriz da nenez, ao tempo que estimulará a adopción de hábitos de vida activos e saudables. A ferramenta será materializada por investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Entre estes investigadores atópase Ezequiel Rey, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra), membro do grupo Remoss, do que tamén forma parte o docente da USC Cristian Abelairas, integrante así mesmo do grupo Clinirsud, da USC. Ambos exercen como responsables principais do proxecto, seleccionado na convocatoria Retos da sociedade, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O equipo tamén está integrado polo coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala, e a tamén investigadora do grupo Cristina Varela, xunto coa profesora da USC Carmen Neiro e Geno Rodríguez, investigador do grupo Esculca da institución compostelá.
A ferramenta informática prevista porá o foco nas idades comprendidas entre os 2 e 9 anos, que é a etapa da nosa vida na que “máis capacidade temos de lograr aprendizaxes motrices que logo perduren ao longo da nosa vida” e na que os nenos e nenas aprenden estas habilidades “e as perfeccionan ata alcanzar un estadio de madurez”, sinala Rey. Neste senso, a aplicación terá unha función correctora e avaliadora, garantindo o correcto desenvolvemento das habilidades motrices para xerar “actitudes positivas cara o exercicio físico”. Segundo explican, outro dos propósitos do proxecto é fornecer ao profesorado de Educación Física dunha ferramenta que permita avaliar o desenvolvemento das capacidades físicas das nenas e nenos, “programando actividades para a súa mellora en caso de que sexan precisas”.
A primeira fase da iniciativa, de tres anos de duración, estará centrada nunha “revisión exhaustiva da literatura científica ao respecto” para coñecer que tipo de probas poden empregarse para esta avaliación. O seguinte paso será definir unhas serie de probas que permitan, “dun xeito rápido e áxil”, avaliar e cuantificar o grao de desenvolvemento das habilidades, para finalmente trasladalas a unha aplicación informática que poida ser empregada por profesorado de primaria nas aulas. A idea é permitir aos educadores levar un rexistro e ver a efectividade dos seus programas, á vez que lles faría máis doada detección daqueles casos de nenos e nenas aos que sería necesario “proporcionar un reforzo nalgunhas habilidades clave”.
Unha vez creada a aplicación, que podería ser tamén de utilidade para os técnicos que traballan con escolas deportivas de base, a última fase do proxecto centrarase en pór a proba este sistema “cunha mostra representativa de escolares galegos”.
Investigadores da UVigo e a USC sentan os alicerces dunha app para mellorar o desenvolvemento motriz da rapazada
Compartir Este Artigo

