O potencial de resposta das entidades autonómicas e locais ante todo tipo de emerxencias comezará o ano cun importante fortalecemento tecnolóxico. Segundo anunciou hoxe o Goberno galego, vaise aumentar a capacidade da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL) e, tamén, as súas funcionalidades. Estes son os obxectivos fundamentais, xunto co mantemento da Rede, que se recollen na licitación que vén de publicar o operador público RETEGAL, dependente da AMTEGA, e responsable da xestión de RESGAL.
O contrato, que ten unha duración estimada de 48 meses por un importe de 2,27 millóns de euros, garante o mantemento de RESGAL nas condicións de esixencia e continuidade que require unha rede deste tipo. Ademais, engaden AMTEGA e RETEGAL, abrangue a actualización do sistema de xestión da plataforma, «o que permitirá aumentar a súa capacidade e incorporar funcionalidades como a integración de smartphones». Todas estas novidades posibilitarán que os profesionais usuarios da dita Rede poidan conectarse a ela mediante unha aplicación instalada en cadanseus móbiles en caso de atoparse fóra dunha zona de cobertura da Rede ou non dispoñer do terminal adaptado que empregan para conectarse a ela. AMTEGA engade que «en todos os casos as comunicacións estarán cifradas e coas mesmas garantías que se fixeran dende os terminais adaptados».
Unha rede única con máis de 5.500 terminais
O Goberno galego lembra que, na actualidade; empregan RESGAL profesionais do 061, SERGAS, AXEGA, 112, UPA, Axentes de Medio Ambiente, Axentes Forestais, Consorcios de Bombeiros, Policías Locais e Protección Civil de 116 Concellos de Galicia. Estes efectivos tiran proveito de dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas e están dados de alta máis de 5.500 terminais.
Capacidade e cobertura
A Xunta recorda que entre os anos 2016 e 2017 incrementouse a cobertura de RESGAL, facendo especial fincapé nas zonas con máis risco de incendio. «A instalación de 25 novas estacións radio base, 4 repetidores e unha nova estación transportable permitiron reducir nun 34% as zonas de sombra no conxunto da Comunidade e en máis dun 44% nas 565 parroquias identificadas como de alto risco de incendio», explica AMTEGA, lembrado que o reforzo das infraestruturas de RESGAL «ampliou o seu radio de acción acadando o 90% do territorio e o 96,5% da poboación».
Coas ditas medidas, ademais da mellora en zonas rurais, incrementouse a cobertura da Rede en núcleos de poboación de máis de 1.000 habitantes e nos Hospitais de Barbanza e Burela. RESGAL conta con cobertura plena nas 7 grandes cidades e garante unha cobertura moi alta nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco.
RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, en palabras de AMTEGA «a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa».

