Hoxe celebrouse en Vigo unha xuntanza destinada a derrubar estereotipos, desigualdades e prexuízos de xénero en materia de tecnoloxías e innovación. Estamos a falar do encontro Mulleres Protagonistas, unha iniciativa que reúne nas súas edicións representantes femininas de distintos sectores (no caso da cita de hoxe, do mundo da enxeñaría con integrantes do eido empresarial, asociacións, centros tecnolóxicos e das universidades) co obxectivo de establecer diálogos abertos sobre os principais desafíos aos que se enfrontan e tender pontes entre as contornas nas que traballan, por unha banda, e a Administración autonómica, pola outra. Na xeira de traballo participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde.
O conselleiro salientou na xuntanza “a necesidade de estimular e desenvolver a figura da profesional 4.0 para anticiparse aos retos do futuro”, ao tempo que enxalzou as posibilidades que se abren con este tipo de sesións de traballo, “que ofrecen unha oportunidade para reflexionar sobre os retos que se presentan para mellorar a situación das mulleres no mundo laboral e empresarial e avanzar cara a igualdade profesional plena”.
Na xuntanza de hoxe abordáronse temas como o papel das mulleres no impulso da Industria 4.0, o fomento das vocacións STEM entre as mozas ou os retos da Galicia de 2030. No seu transcurso, Conde subliñou que é “indispensable contar cun entorno laboral onde a desigualdade non pode nin debe ter lugar e, deste xeito, reducir a fenda que existe, na actualidade, entre os homes e mulleres incorporados á canteira do talento 4.0”. Amais, malia recoñecer que “aínda hai moito traballo por facer”, o conselleiro dixo que “Galicia está demostrando unha evolución favorable” e así o demostran, engadiu, parámetros como o relativo ao paro feminino, que “caeu un 2,37% no último ano, a mellor ritmo que o desemprego masculino”.
As mulleres galegas na Industria 4.0 centraron unha xuntanza en Vigo
Compartir Este Artigo

