O proxecto XuvenCiencia. Fago, logo aprendo, promovido polo grupo de innovación docente homónimo da USC, comeza este venres 10 a súa andaina coa sesión inaugural da cuarta Xornada para profesorado, que levará a ducias de docentes de ensino medio de toda Galicia (no Campus de Lugo) formación específica sobre proxectos de experimentación e innovación científica. A idea é dotalos de coñecementos que logo poidan trasladar ás aulas dos seus institutos e colexios para, en palabras de XuvenCiencia, “espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade”.
Segundo informa a comunidade investigadora que impulsa a iniciativa de divulgación, XuvenCiencia artéllase no curso académico 2019/2010 a partir de seis kits de investigación, que se mergullan na rastrexabilidade alimentaria a través de probas de ADN (DNA-Meat); miden a cantidade de proteína do leite a partir dun fotómetro móbil especialmente deseñado no campus de Lugo polo grupo XuvenCiencia (Fotometrix); pescudan todas as posibilidades da luz (Photonics Explorer); inícianse no cultivo de plantas in vitro (Vitroplant); rastrexan os efectos do cambio climático nas concas hidrográficas (AquaLab); e propoñen unha introdución ao diagnóstico veterinario (Animal CSI).
A sesión de apertura desta xornada XuvenCiencia para profesorado será este venres ás 17.00 horas na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria e contará coa participación de Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Mercedes Novo, coordinadora de XuvenCiencia, un grupo multidisciplinar do Campus Terra no que participa profesorado das facultades de Ciencias e Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ligado ás áreas de Química Física, Patoloxía Animal, Ciencias Clínicas Veterinarias, Xenética, Enxeñaría Agroforestal, Bioquímica ou Produción Vexetal.
Durante a sesión de mañá, docentes de Secundaria recibirán os kits XuvenCiencia e participarán en obradoiros prácticos para iniciarse no deseño de proxectos. As actividades continuarán o sábado, en horario de mañá e tarde na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde proseguirá un traballo eminentemente práctico dirixido por profesorado do Campus lugués.
O proxecto, obxectivos
O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, a iniciativa desenvolvida dende o Campus Terra recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de Creatividade e vocacións científicas.
Arranca XuvenCiencia 2020 cunha xornada de formación de profesorado
Compartir Este Artigo

