Telefónica vén de achegar un novo parte informativo sobe o nivel de presenza da súa fibra óptica ata os fogares (tecnoloxía FTTH, Fiber To The Home) na nosa terra. Desta volta, é a quenda da provincia de Pontevedra, onde a dita tecnoloxía da operadora xa chegaría, en palabras da compañía, ao 60% da poboación.
O devandito foi posible grazas aos máis recentes plans de colaboración público-privada para situar a Galicia na vangarda das infraestruturas de telecomunicacións, explica Telefónica, engadindo que a devandita taxa do 60% supón un total de 347.315 vivendas e negocios con acceso á fibra da operadora e unha suba do 14,7% con respecto ao exercicio anterior.
A operadora informa de que ao longo de 2019 sumáronse 44.856 novas unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) e a previsión é que este ano 2020 outras 43.854 entren en cobertura con FTTH, aumentando en máis dun 12,6% a poboación da provincia que poderá gozar da súa fibra óptica. “Están programados este ano despregues en 53 localidades da provincia para completar a extensión da fibra óptica nuns 522 núcleos, alcanzado tamén aos dispersos e complexos dende o punto de vista orográfico”, engade a compañía.
Recursos propios e posibilidades
A empresa lembra que o fornecemento de fibra óptica en Galicia realizouse “con recursos propios e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda larga das administracións autonómica e central”.
A fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica ir incrementando o uso de banda larga nos próximos anos “na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa”, sinala a compañía, engadindo, no capítulo de vantaxes e beneficios que se poñen en xogo con estes equipamentos, “que a fibra óptica de Movistar ofrece voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e conectar varios dispositivos a Internet simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet.
A fibra óptica de Telefónica chega ao 60% da poboación de Pontevedra
Compartir Este Artigo

