Este mes de febreiro, quen non tivera ocasión de formarse nunha das actividades formativas de maior prestixio e sona de cantos cursos tecnolóxicos se celebran na nosa terra, o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, vai ter unha nova oportunidade para facelo. A 30 edición deste curso en aberto celebrarase na Coruña este mes os días 7, 8, 14 e 15. Serán 20 horas de adestramento, con opción para obtermos o Certificado Scrum Manager Nivel Experto.
Novamente, igual que nas convocatorias previas, achégase como unha actividade formativa de gran utilidade para subir chanzos en materia de eficacia. Ou sexa, para converternos en profesionais tecnolóxicos que aplican a máxima rendibilidade a todos os seus procesos e que son quen de entender, mesmo antes de recibir a mensaxe, as demandas e requirimentos de usuarios e clientes.
O curso tamén prepara aos participantes para que, no camiño iniciado cun proxecto, todos os treitos estean ben trazados e leven a destino da maneira máis rápida e cómoda.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Así nolo explica Vitae: “Tendo en conta como evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsable de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).
Vitae organiza a edición 30 do seu curso de dirección de proxectos TIC áxiles con Scrum
Compartir Este Artigo

