
Telefónica vén de facer un novo balance do nivel de espallamento da súa fibra óptica ata os fogares (tecnoloxía FTTH, Fiber To The Home) na nosa terra. Desta volta, tócalle á provincia da Coruña, onde a dita tecnoloxía da operadora xa chegaría, en palabras da compañía, ao 56% da poboación.
Este fito, como o máis recente relativo a Pontevedra, foi unha realidade grazas aos máis recentes plans de colaboración público-privada para situar a Galicia na vangarda das infraestruturas de telecomunicacións, explica Telefónica, engadindo que a devandita taxa do 56% supón un total de 444.526 vivendas e negocios con acceso á fibra da operadora e unha suba do 11% con respecto ao exercicio anterior (2018).
A compañía engade que ao longo de 2019 sumáronse 45.151 novas unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) e a previsión é que este ano 2020 a cobertura con FTTH chegue a 39.913 novas unidades (80 novas localidades), completando a extensión de fibra nuns 800 núcleos, moitos deles orograficamente complexos e dispersos, ata alcanzar as 484.439 unidades inmobiliarias cubertas.
Recursos propios e posibilidades
A empresa lembra que o fornecemento de fibra óptica en Galicia realizouse “con recursos propios e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda larga das administracións autonómica e central”.
A fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica ir incrementando o uso de banda larga nos próximos anos “na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa”, sinala a compañía, engadindo, no capítulo de vantaxes e beneficios que se poñen en xogo con estes equipamentos, “que a fibra óptica de Movistar ofrece voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e conectar varios dispositivos a Internet simultaneamente sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet.
A fibra óptica de Telefónica xa está a disposición do 56% da poboación da Coruña
Compartir Este Artigo

